biografía

Dende ben cativa os contos foron a miña paixón. Ler, inventar, escribir e interpretar formaron sempre parte da miña vida.

Nacín a carón do mar, na fermosa vila de Esteiro aló polo 86 e tiven a sorte de acudir ao C.E.I.P Ricardo Tobío, onde Xosé Agrelo sementou en  min con moito agarimo o amor ao mundo do teatro. Formei parte de cada elenco, de cada conxunto artístico que el iniciaba, memorizaba con fervor os textos correspondentes e os ensaios convertéronse na mellor hora do día. O día da representación a emoción e os nervios embriagaban cada poro da miña pel e dende entón xa non puiden deixar de pensar en clave de teatro.

Neses anos desenvolvin a capacidade oratoria e tamén a escritura creativa, que perfeccionei ao longo de anos de formación, práctica e ensaio. Primeiro dun xeito afeccionado para logo convertelo na miña forma de vida.

E case 20 anos despois do meu contacto co teatro rematei completamente namorada dos monicreques grazas á mítica sala Yago, de Santiago de Compostela, a onde tódolos domingos acudía a ver as obras que alí se representaban. Espectáculos cheos de dozura e picardía, refinados ou grotescos, fábulas, aventuras e misterios que facían voar miña imaxinación e avivecían as ansias de volver ós escenarios.

Por iso, no 2007 comezo a miña andadura no teatro profesional a través dos títeres na compañía “A Xanela do Maxín” e no 2016, con máis de 500 representacións ás miñas costas comezo este proxecto en solitario de Contacontos para nenas e nenos como un xeito de reivindicar a narración oral como unha parte indispensable da pedagoxía infantil. Dous anos despois escribo "Cantamos?" e "Ula Lúa", que se publican en "Guindastre Edicións".